Neste ecléctico programa presentamos, fóra de todo criterio histórico, de xénero, ou musicolóxico, o que consideramos parte das obras máis belas xamais escritas para a voz humana.
Incluímos algúns números de ópera de Mozart, Verdi, Puccini e Wagner;Lieder de Schuman, Schubert, Mahler, Brahms e Strauss e Obras mestras de Chapí, Mompou, Toldrá ... nunha aproximación ao canto desde a perspectiva da “música pura” unida a un texto de calidade, lonxe de efectismos ou da procura fácil do aplauso. Centrámonos na máxima intensidade da esencia de cada obra que afrontamos como unha verdadeira experiencia trascendente. Cremos que é importante, nesta época na que cegan os reflexos máis que a luz mesma, presentar O Canto desde a súa orixe, a expresión dos mundos que conviven e forman ao ser humano: a intensidade da beleza, a dor, a esperanza, a morte, o amor, o medo, a dita, e como non adoitan darse de xeito illado na Gran Música, na Poesía, nin na Vida Os mellores solistas da Compañía Lírica de Galicia, acompañados por un piano e, cando proceda, dunha serie de solistas instrumentais (arpa, frauta traveseira, violín, violonchelo) interpretan obras maestras da Lírica, que emocionan ao público máis esixente e non deixan indiferente a ninguén. E un espectáculo novo, que esperamos que perdure dada a súa beleza e a calidade dos intérpretes. Xunto coas obras máis adiante mencionadas poderán incluírse outras instrumentais que conecten coa esencia do programa, enriquecéndoo e servindo de transición entre uns e outros estilos. Poderían ser intervencións breves de combinacións tan atractivas como frauta e arpa ou piano e violín, por exemplo. |
|